BULEBULE VIAXA POLA REDE

30/9/15

Biblioteca escolar, base de exploracións

Biblioteca escolar, base de exploracións


"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, enviará en breve a todos os centros públicos como reforzo das actuacións da biblioteca escolar e para apoiar a visibilidade dos seus recursos e das súas oportunidades de aprendizaxe. 
A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
En efecto, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido. 

20/9/15

Bulebuleolímpico dá a benvida ao curso 2015/16

As olimpíadas  están inspiradas nas festas que durante séculos  se realizaron en honra ao deus Zeus na cidade de Olimpia, concretamente entre o ano 776 a.C. e o 392 d.C.
Neles participaban atletas de toda Grecia que durante anos estiveran preparándose a conciencia para este evento. Os xogos tiñan un regulamento moi estrito e os participantes debían cumprir varios requisitos: nacer en Grecia, non ser escravos, non ser delincuentes, xurar o regulamento, aceptar o veredicto dos árbitros e outras normas que había que respectar.
Unha das máis curiosas, era que só podían competir homes, e debían competir espidos. As mulleres non podían participar nin acudir como espectadoras.
O tempo de celebración dos Xogos estaba considerado un momento de gozar e de paz,  así que estaba prohibido ir á guerra ou fabricar armas mentres durasen.

Os Xogos inaugurábanse e clausuraban con cerimonias e festexos que incluían desfiles, ofrendas aos deuses, sacrificios e banquetes para miles de persoas. Eran varias as competicións que se realizaban, como as carreiras, o lanzamento de disco e xavelina, as carreiras de cabalos, saltos de lonxitude, competicións de danza. Os gañadores eran aclamados pola multitude e a partir de entón considerados auténticos heroes. Alá onde ían recibíaselles con honras e como premio, pagábaselles unha especie de soldo para toda a vida.

Os Xogos Olímpicos celebráronse ata que os romanos conquistaron Grecia e o emperador Teodosio I decidiu prohibilos no ano 393 d.C.
Non volveron organizarse ata  finais do século XIX, en que un historiador francés, o Barón de Coubertin, tivo a idea de restablecelos. Varios países decidíronse a participar e creouse o Comité Olímpico Internacional, organismo que segue vixente hoxe en día.

Estas primeiras Olimpíadas da era moderna celebráronse en Atenas, en 1896, e as seguintes cada catro anos nunha cidade distinta do mundo ata a actualidade.
Só foron suspendidos durante a I e II Guerra Mundial.

En España, celebráronse nunha  única ocasión, en Barcelona no ano 1992. Dende hai varios anos, Madrid presenta unha candidatura para seren Sede Olímpica.

O noso centro, grazas a Bulebule, proclamouse sede honorífica  olímpica para este curso.
Animádevos e conseguiredes subir ao podio!