BULEBULE VIAXA POLA REDE

16/5/13

letras galegas 2013



O Día das Letras Galegas deste ano 2013 está dedicado a unha figura central da literatura e do teatro galegos. Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) destacou pola súa dramaturxia, mais tamén pola súa achega ao daquela emerxente audiovisual galego e pola súa implicación na profesionalización dun teatro propio e na lingua propia de Galicia no que participou como actor, como director, como iluminador...
Destaca desta inmensa figura o seu compromiso co idioma. Non só toda a súa obra está escrita integramente en galego, senón que, se hoxe o teatro profesional funciona na nosa lingua, é grazas ás persoas que, coma el, o construíron estreitamente ligado a ela.
Debido á climatoloxía adíamos a celebración do Día das Letras para o mércores da semana próxima. Darémosvos conta das actividades de centro en breve. De todos xeitos e para non deconectarnos Bulebule seleccionou unha listaxe de recursos que contribuirán a coñecer mellor a obra do dramaturgo.

 
>> Bolañesasun espectáculo interpretado polo alumnado da Escola de Imaxe e Son da Coruña en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a voz do teatro galego moderno. A partir de fragmentos de varias das súas obras, empréndese unha viaxe a través do seu universo irónico, acedo e versátil sobre a condición humana e a denuncia social, nestes tempos de crise.

>> Facianas das Letras Galegas: o EDLG deste centro preséntanos un extenso traballo sobre as historia do Día das Letras Galegas. Fai un repaso de todos os autores e autoras que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas, dende Rosalía no ano 1963, ata Roberto Vidal Bolaño no 2013.


 
>> WEBQUEST Roberto Vidal Bolaño: no CPI de Pontecesures, elaboraron esta interesante webquest para favorecer o coñecemento da figura do autor homenaxeado. Está dirixido a alumnado do terceiro ciclo de primaria.


 
>> Blog Que suba o pano: blog co que o EDLG do CEIP A Pedra de Bueu pretende un achegamento do teatro á escola a través dunha exposición itinerante de libros de teatro infantil e xuvenil.



 
>> Libro Lim Roberto Vidal Bolaño: o CEIP Vales Villamarín ofrécenos este libro-lim que fai un percorrido pola biografía de Vidal Bolaño. Inclúe encrucillados, sopas de letras, quebracabezas e outras moitas actividades que axudarán aos máis pequenos a coñecer a vida e a obra deste dramaturgo.

 
>> Concurso Letras Galegas 2013o EDLG do IES Lagoa de Antela organizou este interesante concurso literario e artístico para celebrar o Día das Letras Galegas.


 
>> Telexornal Vidal Bolaño: o EDLG do CPI Dos Dices de Rois realiza neste telexornal unha homenaxe a unha das figuras máis destacadas do teatro galego contemporáneo, o dramaturgo R.Vidal Bolaño. Analizan os múltiples rexistros da súa obra e fan fincapé no seu compromiso cívico e social.



>> Proposta Letras Galegas 2013 do Seminario Galánceste traballo que nos chega dende o CEIP Galán de Arteixo lémbranos a orixe do Día das Letras Galegas e repasa os autores aos que se lles adicou este día dende o ano 2002. Inclúe materiais imprimibles, actividades en liña e álbum de fotos para afondar na figura de R. Vidal Bolaño. 


>> A fume de carozo: neste espazo radiofónico do EDLG do Colexio Calasanz-PP Escolapios da Coruña emitiuse unha edición especial dedicada a Roberto Vidal Bolaño. Para este programa contaron coa colaboración do fillo do dramaturgo.



 >> Marcador-Calendario Roberto Vidal Bolaño: o EDLG do IES Lagoa de Antela achéganos este singular marcador-calendario dedicado á figura de Roberto Vidal Bolaño.



 >>LIM Roberto Vidal Bolaño: as mestras Filomena Manzano Laso, Julia Pérez Vázquez e Margarita Rocafort Hermida elaboraron este completo LIM para introducirnos no mundo do espectáculo teatral e achegarnos ao homenaxeado das Letras Galegas 2013.



>>Documental Vidal Bolaño: neste documental o alumnado do CPI Dos Dices de Rois amplía o seu traballo sobre Roberto Vidal Bolaño con entrevistas e testemuños que nos axudarán a comprender mellor á súa obra.



>>Test interactivo: dende o CEIP A Ponte de Lugo chéganos este didáctico test para que poñades a proba os vosos coñecementos sobre Roberto Vidal Bolaño.



 
>> LIM Roberto Vidal Bolaño: dende o CEIP A Pedra de Bueu chéganos este interesante LIM co que o alumnado de primaria pode afondar na figura do homenaxeado..