BULEBULE VIAXA POLA REDE

20/6/13

ENCONTRO CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Hoxe foi un día diferente e especial para o alumnado do  3º ciclo. Tivemos un encontro virtual co   escritor  Agustín Fernández Paz.
Agustín comunicouse con nós a través dunha videoconferencia. Nela contounos historias e respostou ás preguntas que lle fixemos sobre os seus libros, o seu traballo, a nova novela que ten entre mans etc
Puidemos averiguar algo sobre esa nova novela, pero gardarémoslle o secreto, agora xa somos amigos!.
Aprendemos moito e foi toda unha experiencia!!
Grazas Agustín e agardamos que nos vexamos pronto. GRAZAS!!!

Para que coñezades máis a Agustín deixámosvos o que el dí de sí mesmo:

Lémbrome…


Lémbrome das Fontiñas, o barrio de Vilalba onde nacín, na primavera de 1947, e onde transcorreu toda a miña infancia.
Lémbrome do meu pai, que era músico e carpinteiro, e que un día, cando eu tiña oito anos, me levou ver o mar de Foz.
Lémbrome da miña nai, que todas as semanas amasaba o pan na casa e despois levábao a cocer ao forno da Rosa.
Lémbrome do meu avó materno, Xosé de Louzao, que tiña unha pequena plantación de tabaco na horta de tras da casa. Nas tardes de inverno, el mesmo picaba, cunha navalla e con paciencia infinita, aquelas grandes follas secas.
Lémbrome dos cómics que os meus irmáns e mais eu liamos unha e outra vez, nunha época en que a palabra televisión aínda nos era totalmente descoñecida.
Lémbrome dos seriais que escoitabamos pola radio, sobre todo dos que eran os meus preferidos: SupermanUnha princesa de Marte.
Lémbrome da fogueira que faciamos no meu barrio na noite de San Xoán, e doutras fogueiras distantes que se vían desde o balcón da miña casa.
Lémbrome do andel onde o meu pai gardaba os seus libros, entre os que había títulos inesquecibles como A illa misteriosaO escaravello de ouro ou Os tigres da Malaisia.
Lémbrome do recendo a mazá madura que había nos armarios e nos chineiros da miña casa, por obra das mazás que a miña nai colocaba no seu interior.
Lémbrome das festas de San Ramón, cando a casa recendía a rosquillas e aos nenos nos daban diñeiro para montar nas atraccións e comprar caramelos e nubes de azucre.
Lémbrome da señora Xenerosa, que polas noites nos contaba contos de crimes e de aparecidos. Despois, subir as escaleiras para se ir deitar era un traxecto duro e difícil.
Lémbrome do señor Crende, un encadernador que lle prestaba libros ao meu pai e que a min me agasallaba con onzas de chocolate negro.
Lémbrome dos meus sete anos de internado na Universidade Laboral de Xixón e das tardes de inverno que pasabamos estudando nos nosos cuartos, mentres fóra chovía e chovía.
Lémbrome do 21 de xullo de 1969, cando Neil Armstrong puxo os seus pés sobre a superficie da Lúa e o meu pai quedou esperto toda a noite para ver aquel momento histórico pola televisión.
Lémbrome dunha tarde de sábado de 1970 cando, no cine Alexis de Barcelona, vin Jules et Jim de François Truffaut, unha película que deixou en min pegadas indelebles.
Lémbrome do primeiro de maio de 1977, cando a miña dona e mais eu participamos en Bilbao, coa ilusión acabada de estrear, na manifestación máis grande que nunca na miña vida vira.
Lémbrome do ciclón “Hortensia”, que atravesou Galicia no ano 1984 e, ademais de romper as persianas da nosa casa, derrubou un tileiro enorme que había preto da igrexa de Ares.
Lémbrome…
Lémbrome, xaora que me lembro. A literatura nace da memoria e da imaxinación. Todos os libros que escribín, coma as tramas dunha tea, están feitos combinando os fíos da miña vida. Calquera persoa que os lese e coñeza a miña biografía atopará un paralelismo constante entre as dúas realidades. Unhas veces máis enmascarada que outras, a vida de calquera escritor discorre por baixo das súas obras.
Que as historias salgan da miña vida non é unha limitación. Ao revés, trátase do único orixinal que podo achegar ás persoas que viven comigo e ás que vivirán cando eu xa non estea, se é que alguén le entón os meus libros. As persoas, todas, somos únicas e irrepetibles. Posuímos unha visión do mundo, uns sentimentos, unhas vivencias que nos singularizan e que desaparecerán connosco. A min isto paréceme marabilloso, e creo que está na raíz dese impulso irracional que me leva a escribir e a inventar historias onde quede reflectida a miña visión do mundo e da vida.
Se tivese que definirme en poucas palabras, diría que son unha persoa que atopa pracer en inventar historias e contalas por medio da escritura. Un contador de historias, aínda que isto sempre debería colocalo en segundo lugar, porque o que de verdade me gusta é ler o que escriben outras persoas. E ler e escribir, como ben sabemos, son as dúas caras dunha mesma moeda. As historias, os libros: o fío invisible que nos une a todas as persoas do planeta.

18/6/13

XINCANA LETRAS GALEGAS

Hoxe, como estades a  participar na xincana Letras Galegas ( non celebrada no seu día por motivos climatolóxicos...) Bulebule quérevos axudar a que resolvades unha proba. Fixádevos nesta imaxe composta das obras de Roberto Vidal Bolaño e poderedes pasar á seguinte proba. Sorte!!